Edu-redes

Coincidiron esta semana varios feitos que me reafirman na idea da necesidade de crear, no mundo do ensino galego, redes educativas para a potenciación dos intercambios que realizamos en webs, blogues e wikis.
Por un lado, a apertura dun foro na páxina do centro co Drupal xestionado pola Consellaría. A discusión inicial está a ser a conveniencia de mudar plenamente para unha web dinámica, o que considero un paso máis que necesario (sobre todo pola facilidade para a creación de contidos por parte de toda a comunicade educativa), porén o seu deseño segue a manter os centros demasiado pechados en si mesmos.
Por outra banda, fíxose efectiva a miña entrada en dúas comunidades educativas do noso ámbito lingüístico (convén tender máis pontes aí; pola súa parte xa se ve que hai vontade: obrigados/as), a pesar da miña escasa ou nula participación polo de agora. Son as que aparecen ligadas no lateral da dereita, a primeira impulsada por Fátima Franco e a outra creada por José Paulo Santos.
Internet e Web na Educação funciona a modo de blogue recompilatorio dos participantes nunha lista educativa do Yahoo, mais é Interactic 2.0 quen bota man dunha ferramenta (teriamos que dicir un kit) especialmente potente, o Ning, que ofrece de balde espazo para o traballo colaborativo -foro incluído-, páxinas para cada membro da rede, posibilidade de subir documentos, fotos e vídeos, etc. Unha das máis amplas comunidades educativas é esta. As primeiras probas que fixen foron moi positivas, e máis cando descubrín que lles permite ás persoas que administran un sitio ning traducir por completo as distintas aplicacións e poñer esas traducións a disposición de toda a comunidade (a versión en galego xa está feita nun 7%).
Para compartir, sen atomismos, esas cousas que fican sen gardar e, sobre todo, para co-construír coñecemento.Máis sobre redes sociais (entre outras cousas da web 2.0 no ensino), aquí.
[Imaxe tomada de Vladstudio]
chúzame -










sekeirox said,
xaneiro 26, 2008 @ 6:48 pm
Xano, das cousas máis sensatas, necesarias e que poden empuxar ao despertar do ensino galego coas axuda das TIC como ferramentas que nos axudan a tecer as redes, que levo lido ou escoitado nestes días.
Adiante, hai que empezar.
Xoán said,
xaneiro 26, 2008 @ 10:06 pm
Antes ou despois haberá que enfrontar esta tarefa. Por que non desde aí Xano?
Anonymous said,
xaneiro 27, 2008 @ 3:23 pm
Moi bo post desde logo que si. Como di sekeirox e x�an, c�mpre empezar xa… a que agardamos
Nasa