Xornalistas en prácticas
Con ese título vimos de crear un espazo para reorientar o traballo feito ata agora coa prensa e poder integrar a lectura comprensiva, analítica, e mais a elaboración de textos xornalísticos, tanto escritos como radiofónicos e audiovisuais. Cunha serie de tarefas abertas (no sentido de que é o alumnado o que selecciona as novas e o xénero) e recursivas, con múltiples guías e modelos, proponse seguir un proceso que se pode sintetizar así.
Mais, falando de medios, quen está a facer un xornalismo audiovisual impagábel é SonCine + VinteDez. Un luxo que dá resposta sempre a necesidades, da man de Román e David. Sen palabras…
as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.
Espazo para presentacións emerxentes

Procurando novas posibilidades de presentación de contidos, deseñamos un espazo con wordpress (Pano) que nos permite concentrar nun mural, sen necesidade de manexar código, diferentes elementos multimedia que abren en xanelas emerxentes. Constitúe, logo, un pequeno remexido de aplicacións para facilitar a creación de minipáxinas efectivas.
E xa que contamos con web propia, abrimos o sitio a calquera que queira empregala con fins educativos e en galego, por se é de utilidade. Ogallá.
Razóns educativas, pedagóxicas, sociolingüísticas, legais… para parar o decretazo
Comunicado da AS-PG
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), como entidade que traballa no mundo socioeducativo desde hai máis de trinta anos, perante a divulgación por parte da Xunta de Galicia das “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” quere manifestar:
1.- A AS-PG rexeita esta ou calquera outra norma que reste usos e feche espazos para o noso idioma.
2.- Consideramos vixentes as propostas emanadas do actual Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por canto supoñen un elemento de consenso no proceso de normalización da lingua e porque ademais non foron alcanzados os obxectivos propostos en ningún dos ámbitos de actuación establecidos neste
documento, e tampouco no ámbito educativo.
3.- Non nos parecen axeitadas á nosa situación lingüística ningunha das propostas establecidas nas citadas Bases, por canto o futuro decreto pretende sustentarse en falsos argumentos pedagóxicos e de extensión do
plurilingüismo, cando todos e todas sabemos que as propostas normalizadoras deben basearse en criterios e fundamentos sociolingüísticos. Neste sentido resulta aínda máis disparatado denominalo decreto de plurilingüismo, cando é obvio que a súa aplicación reduciría o desenvolvemento competencial do alumnado e incidiría negativamente no proceso de normalización.
4.- A concepción da futura norma, deixando ao criterio das familias ou dos centros as materias a se impartiren en cada lingua, non só atenta contra a progresividade na presenza da lingua galega no ensino que debe, por lei, impulsar o goberno autonómico, e que vén esixida ademais pola enorme desigualdade social entre o galego e o castelán, senón que tamén leva a que, na práctica, sexa imposíbel acadar unhas competencias comunicativas en galego parellas ás do castelán, como requiren a LNL e a LOE, se temos en
conta que estas bases fomentan a práctica desaparición do galego en infantil e a residualización nas outras etapas educativas.
5.- Esta proposta racha co modelo consensuado até o presente e abre o rego da segregación e da fractura social, co recoñecemento real de dereitos unicamente para a comunidade lingüística dominante, ao tempo que constitúe unha fonte de conflitos e de desigualdades ao trasladar ás comunidades educativas decisións que lle corresponde tomar á administración educativa.
6.- Finalmente, como entidade integrante da plataforma Queremos Galego, adherímonos á folga convocada para o día 21 de xaneiro e facemos un chamamento a participar nela.
Máis:
Só en galego temos futuro
Feixooooo, Jesusito e o anxiño, arriba á esquerda, coas luvas negras. O lourenzo non se ve.
Manifestación do 30-d ante os que rouban ese futuro. O 21 PARAMOS para non perdelo.
Profesorado activo
O mergullo nos espazos na rede creados polo profesorado galego, coa finalidade pola nosa parte de contribuír na recompilación do wiki de materiais, afírmanos na idea de que, dentro dunha ampla variedade de enfoques e motivacións, boa parte do ensino galego aposta polo uso das tic, por explorar novas vías de traballo, por compartir… na lingua propia. En moitos casos, á marxe da administración educativa.
O propio wiki, con case 240 ligazóns (só de secundaria) e preto de 1000 visitas únicas en menos dun mes (e decembro), é boa mostra dese intenso labor do profesorado, escasamente recoñecido pero tan necesario. Entre as últimas incorporacións están, por exemplo, a completa web de filosofía dianoia, os moi aproveitábeis traballos de Paulo Porta sobre fotografía e imaxe dixital e mais xeometría e debuxo técnico ou as actividades sobre cómic e animación en LIM-webquest de Manuel Busto, de interese tamén para Lingua e literatura.
Mágoa desas aulas virtuais tan pouco atractivas e xeralmente pechadas.
Nese mergullo tamén é posíbel tomar referentes para a creación, e gozar con algunhas como as de Xabier Marqués, con brincadeiras coma esta:
O cartafol do pietic, a rede social do ensino galego
Dentro do Proxecto Pietic, púxose a disposición da comunidade educativa xa hai un tempo unha rede social creada co software libre Elgg que está a ser empregada no ámbito universitario, pero que semella estar aberta a outras etapas do ensino, malia que nas preguntas frecuentes non se contesta Podo usar o Cartafol Electrónico do Proxecto Pietic no meu centro escolar ou na miña Universidade? Entre as condicións de uso recóllese, iso si, que “O Cartafol Electrónico do Proxecto Pietic está destinado a uso persoal e non como ferramenta de tipo profesional.”
En todo caso, é cousa de probar e espallar, porque as súas potencialidades son moitas, como o están a demostrar sobre todo estudantes de Maxisterio, e nun espazo coma o noso é un crime limitar e desaproveitar un dos poucos proxectos das administracións para o fomento das TIC en educación (temos Climántica, a rede de blogues das Galescolas reconvertidas e pouco máis; no caso de Pietic, a iniciativa é da USC e de Innovación na época do bipartito).
Fronte redes como Ning ou Nexo, presenta algunhas vantaxes ben subliñábeis:
- funciona totalmente en galego
- integra páxinas tipo wiki (ademais de perfil con widgets, blogue, caixas de comentario -tamén nas imaxes-, grupos, calendario, amizades, distintos niveis de privacidade…)
- resalta a etiquetaxe na presentación dos contidos e na procura doutros usuarios
- permite facer seguimento dos comentarios das anotacións que nos interesen
- ofrece un contorno social amplo, pero sempre educativo (profesorado e alumnado variado)
- transmite condicións claras e axeitadas (ao facer o rexistro e ao subir arquivos) para fomentar o uso responsábel da rede
- ten libre o acceso ao código
Mais, pola contra:
- non permite configurar a barra lateral se non é a través do código e o seu uso podería ser máis intuitivo
- dispón dun espazo para arquivos limitado (25 MG)
- non ofrece foro, nin sequera dentro dos grupos, aínda que o engadido de páxinas podería -non sen complicar as cousas- funcionar como tal
- establece unha idade mínima para o alumnado: 14 anos



























Comentarios recentes